Showing posts with label Axudas para o libro galego. Show all posts
Showing posts with label Axudas para o libro galego. Show all posts

Tuesday, August 18, 2020

A CULTURA GALEGA E A FALTA DE ESTATUS DA PERSOA TRADUTORA

No seu Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, presentado o 7 de maio de 2020, o Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, anuncia ‘Apoio ás traducións literarias. Incremento das axudas ás empresas editoras para a realización de traducións do galego a outras linguas e doutras linguas ao galego.’ As únicas axudas que a Xunta de Galicia ofrece ás empresas editoras para a realización de traducións do galego a outras linguas son as axudas para o libro galego, que se acaban de anunciar hoxe, a mediados de agosto. Antes de 2013, as axudas para as traducións a outras linguas eran de 25-50 euros/páxina. A partir de 2013, empezouse a citar unha tarifa de 20 euros/páxina ‘como máximo’, cando en realidade deberían ser 20 euros/páxina ‘como mínimo’ ou simplemente unha tarifa fixa de 20 euros/páxina.

 

Sen embargo, nos anos 2013, 2014 e 2019, chegouse a pagar ata 17,80, 17,52 e 15,42 euros/páxina respetivamente. Isto é un abuso da persoa tradutora, a quen estas axudas van destinadas, porque escasamente vai poder vivir con estas sumas. Por iso reclamei en maio un incremento das axudas a 25 euros/páxina como mínimo.

 

Agora, en 2020, a Xunta acaba de adxudicar as axudas deste ano, que son as peores que coñecín. Se descartamos os gastos de edición que dende 2018 supostamente se teñen en conta –é dicir se non os incluímos como parte das subvencións– este ano, no caso da miña editorial, Small Stations Press, chéganse a pagar tarifas de entre 12,78 e 19,79 euros/páxina. Págase a mesma subvención para un libro de 200 páxinas (Ninguén de Fran Alonso) como para un libro de 328 páxinas (A caixiña dos rancores de Héctor Cajaraville). Para un libro de 240 páxinas (Seique de Susana Arins) págase máis que para un libro de 288 páxinas (A intervención de Teresa Moure).

 

Small Stations Press vén sendo a única editorial que edita literatura galega en inglés, a lingua franca do mundo, que dá acceso aos textos galegos non só a lectoras e lectores cuxa lingua materna é o inglés, senón tamén a lectoras (e editoras) de todo o mundo.

 

Con estas subvencións, non podemos seguir funcionando. As dificultades xa eran maiores (falta dunha Oficina de Tradución para promocionar os títulos existentes; pouca atención ás traducións nun mercado que xa ten forte literatura de si, como é o anglosaxón). Agora a persoa tradutora nin vai poder vivir mentres fai a tradución da literatura galega e terá que pedir un préstamo. E a editorial, que ten que correr cos gastos de produción e distribución dos libros, ademais debe adiantar as axudas ao recibir só o 45% das axudas de antemán, pagándoas integramente ás tradutoras na primeira metade de 2021 e non recibindo o 55% restante ata finais de 2021/principios de 2022.

 

¿Onde está o ‘incremento das axudas ás empresas editoras’ anunciado o 7 de maio polo Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez? As axudas baixaron este ano, non se incrementaron. A editorial alemana Steve-Holger Ludwig, que recibe 3.405,45 euros para a tradución e edición de Os libros arden mal de Manuel Rivas, un libro de 752 páxinas, se descartamos os gastos de edición, vai recibir 4,53 euros/páxina (ou 11,35 euros/páxina polas primeiras 300 páxinas do libro, se temos en conta o límite de 300 páxinas por libro).

 

A Xunta non se compromete a ampliar a colección que coeditabamos ata 2017, Galician Classics, que tiña unha boa aceptación entre o lectorado anglófono por seren nomes coñecidos como Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro, a pesar das miñas reiteradas peticións. Non crea unha Oficina de Tradución para promocionar a literatura galega en tradución, que é a única maneira xente de fóra ten de comprender a cultura galega se non aprende o idioma. Non merca exemplares dos libros editados para presentalos nas feiras do libro e facilitar deste xeito o traballo da editorial. Todo depende da vontade do individuo.

 

Outras entidades como o Consello da Cultura Galega ou incluso as Deputacións non queren tomar o relevo. Contactei con elas, moitas veces nin me responden. ¿Que é isto? ¿Que debemos sacrificar as nosas familias para o privilexio de traballar para a cultura galega? Estas axudas que se acaban de anunciar hoxe son un abuso da persoa tradutora, que traballa arreo para xuntar culturas e promocionar a comprensión e a apreciación mutuas. Para as axudas á tradución, debería haber unha tarifa mínima ou fixa de polo menos 20 euros, da que non se baixa. Pódense subvencionar menos libros e manter o mesmo orzamento, pero respetar á persoa tradutora.

 

Ademais hai que ver os idiomas para os cales se dan subvencións, traducindo do galego: maiormente castelán (Alvarellos, Antonio Rodríguez López, Bértolo Troitiño, Bululú, Galaxia, Kalandraka, Versátil Servizos Editoriais), italiano (Fundación Uxío Novoneyra), francés (Fundación Uxío Novoneyra), portugués (Kalandraka), inglés (Small Stations Press) e alemán (Steve-Holger Ludwig). Noto unha falta de coñecemento e interese por parte de editoras estranxeiras (non galegas). Para o inglés – lingua mundial! – só traballa a miña editorial.

 

Versátil Servizos Editoriais recibe subvencións de 4.141,76 e 4.371,86 euros para editar en castelán dous libros de Xosé Antonio Perozo –Don Cazapalabras e A Ecopanda e o misterio románico– cuxas edicións galegas entendo que contan con 36 páxinas. Para a súa tradución ao castelán, Seis poemas galegos recibe unha subvención de 3.635,55 euros –se son os poemas de Federico García Lorca, non son moi longos! No caso de Kalandraka, Escarlatina, a cociñeira defunta (176 páxinas) e Esmeraldina, a pequena fantasma (224 páxinas) de Ledicia Costas reciben maiores subvencións que unha novela de Agustín Fernández Paz, A viaxe de Gagarin (280 páxinas). E parece que hai un predominio de libros infantís, de non ficción e de edición de títulos propios noutro idioma. É dicir, non hai unha exportación dos principais libros galegos contemporáneos gañadores dos máis importantes premios literarios aos máis importantes idiomas do mundo, que sería o obxectivo ideal dunhas subvencións do libro.

 

Fai falta un cambio de política cultural. O primeiro paso debe ser o de fixar unha tarifa mínima para a persoa tradutora nas axudas para o libro galego. Con vontade, pódense facer moitas máis cousas –Oficina de Tradución, Galician Classics, contacto con importantes editoras do mundo… Pero non se debe esquecer a persoa tradutora que fai posible a proxección exterior da cultura galega e sen a cal esa cultura fica muda, incomprensible, para as outras culturas do mundo.

 

Jonathan Dunne

Director, Small Stations Press

18 de agosto de 2020

Thursday, May 14, 2020

SOBRE A PROGRESIVA DIMINUCIÓN DO APOIO INSTITUCIONAL Á TRADUCIÓN EN GALICIA


Segundo este artigo de Chad Post, Small Stations Press vén sendo a segunda meirande editora de literatura de España en Estados Unidos durante a década 2008-2018. Cando empezamos a editar a literatura galega en inglés en 2009, só había 29 títulos galegos en inglés que saíron durante o periodo 1964-2008. Parecéronnos ben poucos para unha literatura de tres millóns de falantes. A finais de 2019, xa había 104 títulos galegos en inglés, un incremento de 75 títulos en once anos, dos que 46 títulos son nosos. Pódese consultar unha lista dos títulos neste enlace.

Dividimos os títulos de Small Stations en catro coleccións: narrativa adulta (Small Stations Fiction, www.smallstations.com/fiction), narrativa xuvenil (Galician Wave, www.smallstations.com/wave), clásicos da literatura galega (Galician Classics, www.smallstations.com/classics) e poesía (Small Stations Poetry, www.smallstations.com/poetry).



Editamos as primeiras edicións en inglés dos poemarios Cantares gallegos e Follas novas de Rosalía de Castro, en tradución da poeta canadense Erín Moure. Cantares gallegos saíu por vez primeira en 1863, a súa edición inglesa non ata 2013 – 150 anos despois! En total, editamos a obra de 29 escritoras e escritores galegos en tradución de 9 tradutoras e tradutores, e con ilustracións de 7 ilustradoras e ilustradores. Editamos a obra de autoras como Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Paco Martín, Marina Mayoral, Teresa Moure, Xavier Queipo, Manuel Rivas, Anxos Sumai e Suso de Toro. Este ano temos previsto sacar dez títulos máis de autoras inéditas en inglés como son An Alfaya, Marica Campo, Francisco Castro, Pedro Feijoo, Iria Misa, Xelís de Toro e Martín Veiga.

Para algúns destes libros recibimos as axudas á tradución que outorga a Xunta de Galicia. A xente pensa que estas axudas son para a editorial, pero débense pagar integramente á persoa tradutora da obra. De feito, a editorial recibe só o 45% da axuda de antemán, debe anticipar o resto ao pagar á persoa tradutora e esperar ata que o proxecto se aprobe para cobrar o 55% restante (que pode ser varios meses ou incluso un ano despois). A editorial funciona como banco de crédito, neste sentido.

A tarefa que outorgaba a Xunta de Galicia era de 25-50 euros/páxina ata 2012, pero en 2013 esta tarefa baixou a 20 euros/páxina, que está por debaixo da tarefa recomendada pola Asociación de Tradutoras do Reino Unido (£95/1.000 palabras, aproximadamente 25 euros/páxina). Con esta tarefa, a persoa tradutora só vai poder sobrevivir, non vai poder aforrar. A persoa tradutora tense que manter nunha permanente tensión – só cobra mentres traduce, en canto deixa de facelo non cobra nada. Non conta con seguridade social, pensión, vacacións pagadas.

E nos anos 2013, 2014 e 2019, a Xunta de Galicia chegou a outorgar para algúns dos nosos libros tarefas de 17,80, 17,52 e 15,42 euros/páxina respetivamente. Na convocatoria – por exemplo esta de 2020 – a tarefa dáse como ‘20 euros por páxina, como máximo’, o cal simplemente fixa o límite para a Xunta – debería ser unha tarefa mínima que se garante para a persoa tradutora, é dicir, ‘20 euros por páxina, como mínimo’.

Cando lle escribín á Xefa do Servizo do Libro e Publicacións, Dolores Tobío Barreira, para saber que debía facer coa tarefa de 15,42 euros, a resposta foi que a editorial debía poñer a diferencia. Entón a editorial que intenta exportar a literatura galega, á parte de correr cos gastos de revisión do texto, deseño, impresión e distribución do libro, debe anticipar o 55% da axuda e suplir o déficit cando esta axuda non chega aos 20 euros/páxina.

A partir de 2018, introducíronse axudas para a tradución dos libros, ‘así como para a súa edición’, pero en 2018 non se percibiu ningunha suma adicional e en 2019 foron sumas pequenas e na metade dos casos a tarefa que se pagou pola tradución foi menos de 20 euros/páxina – o que se gañou acabouse perdendo.



Small Stations Press está basado en Bulgaria. Utilizamos o mesmo sistema de distribución ca moitas editoras do Reino Unido (como, por exemplo, Shearsman Books, editora de moitos títulos da poesía galega en inglés), é dicir print on demand ou impresión baixa demanda, o cal permite que os libros se poidan pedir e imprimir nos tres grandes mercados anglosaxóns de Estados Unidos, do Reino Unido e de Australia a través de 39.000 puntos de venda e dende calquera curruncho do mundo. Intentamos que os prezos dos nosos libros, que varían entre 10 e 18 euros, sexan asequibles.

A tradución é moi importante. É a voz propia máis alén das fronteiras dun país. A outra persoa na maioría dos casos non vai chegar a entender a cultura galega sen que haxa tradutor ou tradutora que a traduza. A tradución permite o intercambio cultural, a comprensión mutua, debería ser unha prioridade, pero moitas veces só se nos ocorre despois (e en canto deixa de ser necesaria, adoitamos esquecela). Pero é a voz do outro.

A Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia ten unha páxina adicada ás traducións, que a día de hoxe (14 de maio de 2020) conta con cinco iniciativas:
1. as axudas á tradución que mencionei arriba;
2. a colección Galician Classics, que foron coedicións entre a Xunta de Galicia e a miña editorial, Small Stations Press, e que consta de sete títulos;
3. unha Anthology of Galician Literature-Antoloxía da literatura galega bilingüe (galego-inglés) que saíu en dous volumes (1196-1981/1981-2011) en 2010 e 2012, da que fun eu o editor e o principal tradutor;
4. un web para a literatura galega en inglés, o Portico of Galician Literature, www.galicianliterature.gal, que coordino;
5. o Obradoiro internacional de tradución poética que organiza a impulsora cultural Yolanda Castaño.

Nótase que tres das cinco iniciativas dependen directamente do meu traballo como tradutor e editor, pero en ningún momento se menciona o meu nome. O tradutor non existe.

A colección Galician Classics é unha colección magnífica – de deseño facilmente recoñecible, cunha foto da autora ou do autor na portada e a ollada da autora ou do autor no lombo do libro, para que nos atraia a atención dende o estante (e certamente é así). Na súa función de coeditora, para os catro primeiros títulos a Xunta de Galicia mercaba mil exemplares, pero a partir da edición de Nimbos en 2014 este número baixou a trescentos exemplares, o cal dificultou moito a edición de Follas novas en 2016 (cando tiven que aportar os meus propios cartos para que a edición saíse adiante e a tradutora recibise a tarefa recomendada), e a partir da edición de Ilustrísima en 2017 non se fixo ningunha outra edición. É dicir, a Xunta de Galicia terminou a súa colaboración nesta colección hai tres anos, a pesar das suxerencias que fixen ao Director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, de sacarmos títulos como Á lus do candil de Ánxel Fole, Arredor de si de Ramón Otero Pedrayo, Tempo fósil de Pilar Pallarés (obra gañadora do Premio Nacional de Poesía) e Scórpio de Ricardo Carvalho Calero (figura que se celebra este ano no Día das letras galegas, pero do que non se pode ler ningún libro en inglés).

É unha mágoa porque esta colección, ao seren nomes máis facilmente recoñecibles (Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro, Carlos Casares), tivo unha relativamente boa acepción entre o lectorado anglófono.



Namentres, a Anthology of Galician Literature-Antoloxía da literatura galega en dous volumes (1196-1981/1981-2011) tivo a particularidade de que as cento dez escolmas as fixesen as propias autoras e autores, ou persoas expertas na súa obra. O segundo volume saíu hai xa oito anos, e a meu ver non tiveron a distribución debida – podíanse dar a cada visitante estranxeiro ás institucións galegas e a participantes en eventos, conferencias e festivais organizados en Galicia, como carta de presentación. Ben sabido é que o inglés funciona como lingua intermediaria, e moitas editoras e lectoras do mundo o utilizan para acceder a textos (e culturas) aos que non terían acceso normalmente.

O web para a literatura galega en inglés, o Portico of Galician Literature, www.galicianliterature.gal, conta coa presencia virtual de corenta escritoras e escritores galegos, cunha pequena biografía, a sinopse dun libro importante e unha tradución mostra de 40-50 páxinas. Utílizase nas feiras do libro. Segundo Google Analytics, dende a súa incepción en 2012 recibiu as visitas de máis de 14.000 usuarios dun total de máis de 80 países do mundo. Sen embargo, e a pesar de que lle escribín tres correos electrónicos ao Director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e ao seu departamento nos meses de febreiro e marzo, a Xunta de Galicia este ano non renovou o seu interese.

É dicir, das cinco iniciativas adicadas á tradución, semella que tres pertencen ao pasado (pero mantéñense, anonimamente, na páxina web da Consellería de Cultura); as axudas á tradución e o Obradoiro que organiza Yolanda Castaño, é de esperar que continúen.

Esta é a situación que afrontamos as tradutoras e editoras da literatura galega fóra de Galicia (é dicir, as representantes da cultura galega para toda persoa que non entenda galego, que vén sendo a gran maioría da poboación do mundo).

A semana pasada (7 de maio de 2020), o Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presentou un plan de reactivación dos sectores cultural e turístico (a nova está aquí, o PDF do plan aquí). A tradución méncionase na páxina 42:

“Apoio ás traducións literarias. Incremento das axudas ás empresas editoras para a realización de traducións do galego a outras linguas e doutras linguas ao galego.”

As únicas axudas que eu coñezo son as axudas á tradución que mencionei. A convocatoria de 2019 está resolta. A convocatoria de 2020 está en trámite, pero non se sabe cando se han outorgar. Se se outorgan en xullo ou agosto, como vén sendo habitual, a primeira anualidade das axudas (o 45%) pagarase este ano e a segunda anualidade (o 55%) a finais de 2021 ou principios de 2022. Aínda que se incrementen – entendo que o orzamento será maior e se outorgarán máis axudas, pero coa mesma tarefa de 20 euros/páxina (que está fixada na convocatoria ‘como máximo’, pero que pode ser menos) – ¿que axuda nos dá nesta situación difícil que afrontamos? Cando, á vez, parece que se cancelaron os proxectos Galician Classics e Portico of Galician Literature, e a Anthology of Galician Literature foi editada hai xa varios anos.



Levo vinculado coa cultura galega trinta anos. Traducín obras de Manuel Rivas que están editadas por Penguin Random House. Editei e traducín un suplemento de Contemporary Galician Poets para a revista da Poetry Society británica, a máis prestixiosa revista de poesía do Reino Unido, Poetry Review en 2010. Este suplemento foi enviado en papel aos domicilios das 4.000 suscritoras e suscritores da revista e segue dispoñible na páxina web da revista para calquera que queira descargalo.

Dende hai trinta anos, fixen un esforzo tremendo para que a literatura galega – e, por tanto, a cultura galega – saíse máis alá das súas fronteiras lingüísticas, esforzo que non recibiu ningún recoñecemento oficial por parte das institucións galegas e que nin merece mención do meu nome na páxina web da Xunta de Galicia que está adicada ás traducións.

O que necesitamos é un apoio para promocionar os nosos títulos, unha política de promoción. Veño dende 2009 reclamando a creación dunha Oficina de Tradución cun orzamento anual de entre 60.000 e 120.000 euros (o Consello da Cultura Galega, que ten un apartado de ‘Acción Exterior’, conta cun orzamento anual de 2.800.000 euros, segundo este artigo de Galicia Press) que se adique a promocionar os títulos galegos noutros idiomas, a establecer contactos cos axentes culturais dos países de chegada (librarías, bibliotecas, xornalistas, etc.), a organizar actos, a poñer anuncios en revistas relevantes, incluso a organizar un premio de tradución para premiar o labor da persoa tradutora e realzar a obra gañadora. Hai un montón de actividades que se podían levar a cabo para que as traducións entrasen con máis facilidade no mercado de chegada, pero fai falta un orzamento, fai falta un compromiso constante. Levo once anos pedindo e agardando esta iniciativa.

Nunha recente entrevista con Daniel Salgado no xornal Nós Diario, tamén suxiro a creación dunha Escola de Tradutoras con dez postos de traballo para persoas tradutoras, para que as tradutoras poidamos percibir un salario, dignamente. Podíanse dar a persoas tradutoras con probada traxectoria que traballan activamente no eido da tradución co galego. Segundo o mesmo artigo de Galicia Press, a Consellería de Cultura e Turismo conta cun orzamento anual de 157.200.000 euros. Podíanse crear vinte-cinco postos de traballo cun salario anual (pagado de antemán e cunha duración mínima de cinco anos) de 25.000 euros – a literatura galega chegaría moito máis alá, as tradutoras teriamos certa estabilidade en vez de ir de proxecto en proxecto, e levaría o 0,4% do orzamento. ¿Non é apto para unha Consellería de Cultura e Turismo?

E se o Conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, realmente quere axudar ás persoas tradutoras, debe non incrementar as axudas, senón incrementar a miserable tarefa de 20 euros/páxina a 25 euros/páxina como mínimo. Isto pódese facer co mesmo orzamento, outorgando axudas a menos libros – corenta en vez de cincuenta, por exemplo.

Afronto serias dificultades para sobrevivir simplemente polo feito de ser tradutor – porque creo que debería haber persoas tradutoras que se adiquen á tradución a tempo completo. A tradución é unha práctica, apréndese na práctica, pero as tradutoras corremos o risco de nos convertermos en pezas arqueolóxicas.

Jonathan Dunne
Director, Small Stations Press
Tradutor da literatura galega dende 1993